I. DISPOSICIÓNS XERAIS
CONSELLERÍA DO MAR
ORDE do 17 de setembro de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 211/1999, do 17 de xuño, polo que se regula a pesca marítima de recreo.
O Decreto 211/1999, do 17 de xuño, regula a pesca marítima de recreo. Nel establécense tanto condicións para o exercicio desta actividade de carácter recreativo como as modalidades de licenza e as autorizacións necesarias para a súa práctica.
A Orde do 13 de agosto de 1999, pola que se desenvolve o Decreto 211/1999, do 11 de xuño, foi anulada pola sentenza do 30 de setembro do 2003, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; esta resolución xudicial foi confirmada en casación pola sentenza do 30 de maio de 2006, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo.
Esta orde dítase coa finalidade de desenvolver determinados aspectos do referido decreto que, pola súa especificidade ou polo seu carácter conxuntural, resulta máis oportuno remitir á unha regulación posterior. Por outra banda, búscase unha simplificacíón administrativa do procedemento de concesión das licenzas, tendo en conta o regulado no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos.
En concreto, é obxecto desta orde regular o procedemento para a obtención e renovación das distintas modalidades de licenza que habilitan para a práctica da pesca marítima recreativa, así como o procedemento para a obtención das autorizacións temporais das embarcacións da lista 6ª do Rexistro de matrícula de buques, as autorizacións para a celebración de concursos e competicións deportivas, así como a validación das licenzas procedentes doutras comunidades autónomas ou doutros estados membros.
Así mesmo, establécense os topes máximos de captura aos que habilitan as distintas modalidades de licenza ou autorización, os útiles de pesca, as zonas nas que está prohibido o exercicio da pesca recreativa submariña, así como o horario da pesca marítima de recreo. Estas limitacións obedecen a medidas de protección dos recursos mariños, necesariamente variables en función do seu estado de conservación ou explotación, polo que deben incardinarse nunha norma susceptible de ser modificada coa suficiente inmediatez para adaptarse ás circunstancias do medio sen menoscabo das necesarias garantías xurídicas.
En consecuencia, en virtude do disposto na disposición derradeira primeira do Decreto 211/1999, do 17 de xuño, e consultado o sector,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta orde é regular o procedemento para a obtención e renovación das distintas modalidades de licenza que habilitan para a práctica da pesca marítima de recreo, así como o procedemento para a obtención das autorizacións das embarcacións da lista 6ª do Rexistro de matrícula de buques e a validación das licenzas de pesca submariña concedidas por outras comunidades autónomas ou por outros estados membros. Así mesmo, determina as zonas nas que está prohibido o exercicio da pesca marítima de recreo submariña, os topes máximos de captura autorizados e certas condicións relativas ás autorizacións para a celebración de concursos e competicións deportivas.
Artigo 2º.-Órgano competente para a expedición e renovación da licenza de pesca marítima de recreo.
A expedición e renovación das licenzas reguladas nesta orde correspóndelle ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de pesca.
Artigo 3º.-Documentación necesaria para a obtención ou renovación da licenza de pesca marítima de recreo.
Para a obtención ou renovación da licenza marítima de recreo será necesario presentar a seguinte documentación, de acordo coas modalidades que se definen no Decreto 211/1999, do 17 de xuño:
a) Para a licenza de pesca marítima de recreo en superficie:
-DNI, pasaporte, ou autorización para a súa consulta.
-Xustificante do pagamento da correspondente taxa.
b) Para a licenza de pesca marítima de recreo submariña:
-DNI, pasaporte, ou autorización para a súa consulta.
-Certificado médico oficial que acredite a aptitude para a práctica da pesca submariña. Os certificados médicos que cumpran os requisitos do artigo 25 da Orde do 14 de outubro de 1997 pola que se aproban as normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas terán unha validez de dous anos. O resto dos certificados médicos considerarase que terán unha validez dun ano desde a data de emisión.
-Póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que cobra os accidentes en que puidese incorrer o titular da licenza durante o período da súa validez.
-Licenza de armas ou tarxeta federativa que a substitúa.
-Xustificante do pagamento da correspondente taxa.
-Documento que acredite o consentimento paterno, materno ou titorial cando o solicitante sexa menor de idade non emancipado.
Artigo 4º.-Presentación da solicitude de obtención ou renovación da licenza de pesca marítima de recreo.
1. As solicitudes de obtención ou renovación da licenza de pesca marítima en superficie poderán presentarse, á elección da persoa solicitante, por vía escrita ou por vía telemática da seguinte forma:
1) Vía escrita (en soporte papel).
A persoa interesada presentará a solicitude de conformidade co modelo que figura no anexo II desta orde, xunto cos documentos sinalados no artigo 3.a), nas xefaturas territoriais do departamento territorial correspondente da consellería con competencias en materia de pesca, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Tamén poderán expedirse ou renovarse as licenzas, nas entidades financeiras nas que se realice o pagamento da taxa e que subscribisen o correspondente convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a tramitación de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie. Neste caso unicamente será necesario a presentación do DNI ou pasaporte.
2) Vía telemática (por medios electrónicos):
Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet: http://xunta.es/servicios, en concreto para este procedemento http://xunta.es/apps/1pd, onde se disporán os medios de axuda para a presentación da solicitude e a obtención ou renovación da licenza.
O solicitante poderá acceder a este servizo para obter ou renovar a licenza empregando un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3, consonte o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño) e modificado polo Decreto 38/2009, do 19 de febreiro (DOG do 3 de marzo) polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, e realizando o pagamento da taxa por algún dos procedementos habilitados.
Para a renovación da licenza poderá acceder tamén sen contar co certificado dixital, unicamente introducindo o par: número do documento de identidade e número de licenza.
2. Para as solicitudes de obtención ou renovación da licenza de pesca marítima submariña, a persoa interesada presentará a solicitude, de conformidade co modelo que figura no anexo III desta orde, xunto cos documentos sinalados no artigo 3.b), nas xefaturas territoriais do departamento territorial correspondente da consellería con competencias en materia de pesca, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 5º.-Prazo para a renovación da licenza de pesca marítima de recreo.
A licenza de pesca marítima de recreo poderá renovarse cunha antelación mínima de dous meses antes da fin da súa vixencia.
Artigo 6º.-Validez das licenzas en zonas de desembocadura.
1. No exercicio da pesca nas áreas de desembocadura (límite inferior ata límite superior) establecidas no Decreto 282/2002, do 6 de setembro, polo que se establece o réxime xurídico das licenzas que habilitan para o exercicio da pesca nas augas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderase utilizar indistintamente as licenzas de pesca marítima ou fluvial.
2. Ambas licenzas habilitan, nestas zonas, para a pesca tanto das especies marítimas como das fluviais non anádromas.
Artigo 7º.-Convalidacións.
Para a convalidación dunha licenza de pesca de recreo submariña vixente, outorgada por outra Administración pública nacional ou dun Estado membro da Unión Europea, será necesario achegar copia da licenza expedida pola dita Administración, acompañada do xustificante de pagamento da taxa correspondente.
Artigo 8º.-Autorizacións temporais das embarcacións da 6ª lista do Rexistro de matrícula de buques.
1. Os titulares das embarcacións da 6ª lista do Rexistro de matrícula de buques que se dediquen ao exercicio da pesca marítima de recreo presentarán unha solicitude de conformidade co modelo que figura no anexo IV desta orde, na xefatura territorial do departamento territorial correspondente da consellería con competencias en materia de pesca, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
2. Na solicitude para a actividade indicarán o número de persoas para as que solicitan autorización. Virá acompañada da seguinte documentación:
a) DNI, pasaporte ou autorización de consulta.
b) Fotocopia compulsada ou autenticada notarialmente do rol da embarcación.
c) Fotocopia compulsada ou autenticada notarialmente do despacho ante Capitanía Marítima.
d) Xustificante do pagamento da taxa correspondente.
3. A expedición desta autorización correspóndelle ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de pesca. A súa validez será dun ano.
Artigo 9º.-Concursos, campionatos e competicións deportivas.
1. Para a celebración de concursos, campionatos e competicións deportivas de pesca recreativa, deberá solicitarse autorización como mínimo cun mes de antelación, empregando o modelo do anexo V. As solicitudes presentaranse na xefatura territorial do departamento territorial correspondente da consellería con competencias en materia de pesca, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
2. Na solicitude farase constar como mínimo día/s, mes, hora, modalidade, duración, plano da situación da zona e normativa que rexerá o concurso, campionato ou competición, así como o número previsto de participantes. As datas previstas poderán ser no período dun ano, contado a partir da data da solicitude. Deberá acompañarse o xustificante de pagamento da taxa correspondente.
3. En todo caso, os organizadores deberán garantizar o seu correcto desenvolvemento, facéndose responsables dos danos que puidesen ocasionar por incumprimento das condicións establecidas na autorización.
4. A expedición desta autorización correspóndelle ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de pesca.
5. A devandita autorización non exime da necesidade de contar con outras autorizacións, en especial as relacionadas coa seguranza marítima previstas no Real decreto 62/2008, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento das condicións de seguranza marítima, da navegación e da vida humana no mar aplicables ás concentracións náuticas de carácter conmemorativo e probas náutico-deportivas.
6. Unha vez celebrada a competición ou campeonato, os responsables destes deberán remitir á dirección xeral con competencias en materia de pesca no prazo dun mes desde a data da súa celebración, o rexistro das capturas feitas no evento, indicando especie, número e peso. A non remisión dos ditos datos levará consigo que non se volva autorizar outro evento á mesma entidade.
Artigo 10º.-Autorización de inmersións.
As persoas que realicen inmersións con equipos autónomos nas zonas definidas como prohibidas no artigo 11º e o anexo VI, deberán solicitar autorización, utilizando o modelo recollido no anexo V, cunha antelación mínima de quince días á data da realización da actividade, á xefatura territorial do departamento territorial correspondente da consellería con competencias en materia de pesca.
Artigo 11º.-Limitacións, distancias e zonas prohibidas.
1. Establécense como limitacións e distancias para a práctica da pesca marítima de recreo, nas dúas modalidades, as reguladas nos artigos 15 e 18 do Decreto 211/1999.
2. Decláranse prohibidas para a práctica da pesca de recreo submariña as zonas sinaladas no anexo VI.
Artigo 12º.-Especies e topes de captura.
1. A licenza para a práctica da pesca marítima de recreo só habilita para a captura de cefalópodos e peixes, agás a anguía, debendo, en todo caso, respectar as épocas de extracción e tamaños que regulamentariamente se establezan.
2. Segundo o disposto no artigo 30.9º da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, está prohibido pescar salmóns e reos nas rías e augas marítimas interiores competencia da comunidade autónoma.
3. En calquera modalidade de pesca marítima de recreo poderase capturar un máximo de cinco quilogramos por licenza e día, podendo non computarse o peso dunha peza que exceda o peso do tope establecido. Só se permitirá a tenza dunha peza que exceda o peso do tope establecido. Para o caso do polbo, o límite será dúas pezas por pescador e día.
4. Se a pesca de lecer se realiza desde unha embarcación da 7ª lista do Rexistro de matrícula de buques, o máximo de capturas por licenza e día será de cinco quilogramos, cun tope máximo por embarcación e día de dezaseis quilogramos, se son máis de tres as persoas embarcadas titulares de licenza.
5. Para as embarcacións da 6ª lista do Rexistro de matrícula de buques, o máximo de capturas por persoa e día será de cinco quilogramos, podendo non computarse o peso dunha peza que exceda o peso do tope establecido. Só se permitirá a tenza dunha peza que excede o peso do tope establecido.
6. Sen prexuízo do anterior, mediante resolución da consellería con competencias en materia de pesca, poderán establecerse medidas de protección específicas para determinadas especies e/ou zonas, cando o estado da explotación do recurso así o aconselle.
7. As embarcacións non poderán pescar, almacenar, transportar, transbordar nin efectuar descargas superiores aos topes máximos de capturas sinalados nos puntos anteriores, aínda que estas correspondan a varios días continuos de navegación.
8. Para utilizar como cebo, os titulares de licenzas de pesca marítima de recreo en superficie poderán capturar diariamente ata un total de:
-50 poliquetos, segundo as condicións establecidas no artigo 9 da Orde do 6 de febreiro de 1998 pola que se regula a extracción de poliquetos, vermes mariños para cebo, no litoral de Galicia.
-40 cangrexos en total das seguintes especies: cangrexos zapateiros (Pachygrapsus marmoratus) e cangrexo común (Carcinus maenas).
-200 g de pulgas de mar.
-100 g de camaróns, quisquillas (quedando prohibida a captura do camarón común (Palaemon serratus).
Artigo 13º.-Horario de pesca recreativa.
1. A pesca marítima de recreo en superficie poderá realizarse durante todos os días do ano.
2. A práctica da pesca marítima de recreo submariña estará permitida unicamente os sábados, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico. No período comprendido entre o xoves e o domingo de Semana Santa, e entre o 1 de maio e o 30 de setembro poderá ser practicada todos os días.
3. A pesca marítima de recreo de superficie desde embarcación e a pesca marítima de recreo submariña, realizaranse dentro do horario diurno, comprendido entre o orto e o ocaso.
Artigo 14º.-Artes e útiles autorizados.
1. Na práctica da pesca marítima de recreo en superficie, únicamente se poderán utilizar por licenza:
-Dúas canas ou sedais cun máximo de seis anzós.
-Dúas poteiras.
-Dúas garabetas.
-Un gancho.
Para os efectos desta disposición os cebos artificiais consedéranse como anzós.
2. Autorízase, como arte auxiliar, o emprego dun trueiro.
3. Calquera outro tipo de artes ou aparellos de pesca, diferentes aos autorizados neste artigo, serán considerados antirregulamentarios, calquera que sexan as súas medidas ou cantidades e o seu emprego en actividades de pesca ou tenza a bordo de embaracións de recreo queda prohibido.
Disposición adicional
Única.-A pesca recreativa levada a cabo en zonas que conten con algún tipo de protección, tanto ambiental como pesqueira, efectuarase conforme os requisitos establecidos na normativa reguladora destas, sendo necesario, en caso de que estea permitida a dita actividade, contar coa preceptiva licenza establecida nesta orde.
Disposicións derrogatorias
Primeira.-Queda derrogada a Orde do 14 de xuño de 2005 pola que se regula a obtención e renovación das licenzas de pesca marítima de recreo en superficie clase A.
Segunda.-Queda derrogada a disposición adicional primeira e segunda da Orde do 13 de decembro de 2006 pola que se desenvolve o Plan de recuperación do polbo e se ditan normas para a aprobación de plans zonais.
Terceira.-Quedan derrogadas, así mesmo, cantas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan a esta orde.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para adoptar todas as medidas necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2009.
Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar
Ver referencia pdf “18800D001P006.PDF”
ANEXO VI
Límites inferiores para a pesca recreativa submarina
Zonas do litoral nas que está prohibida a práctica da pesca marítima de recreo submariña.
1. En todas as rías, por dentro das seguintes liñas:
-Ría de Ribadeo: entre punta da Cruz (659299, 4824720) (-7º 01.754, 43º 33.388) e Illa Pancha (658370, 4824645) (-7º 02.445, 43º 33.360).
-Ría de Viveiro: entre Punta Socastro (612356, 4841755) (-7º 36.394, 43º 43.101) e Punta Faro (614150, 4841020) (-7º 35.074, 43º 42.688).
-Ría do Barqueiro: entre Punta Almeiro (606785, 4846520) (-7º 40.492, 43º 45.724) e Punta Coba Baixa (606995, 4844780) (-7º 40.357, 43º 44.782).
-Ría de Ortigueira: entre Punta do Castro (591590, 4843780) (-7º 51.844 43º 44.366) e Punta Espasante (595815, 4842395) (-7º 48.712, 43º 43.586).
-Ría de Ferrol: Punta Redonda (559155, 4812775) (-8º 16.212, 43º 27.815) e Punta do Vispón (559360, 4813200) (-8º 16.057, 43º 28.043).
-Ría de Ares-Betanzos: entre Punta Miranda (560105, 4807700) (-8º 15.549, 43º 25.069) e Punta Redonda (557000, 4805525) (-8º 17.856, 43º 23.908).
-Ría da Coruña: entre Dique Barrié (550825, 4801770) (-8º 22.452, 43º 21.906) e Punta Mera (552265, 4803670) (-8º 21.374, 43º 22.927).
-Ría de Corme-Laxe: Entre Punta do Chans (502010, 4790115) (-8º 58.602, 43º 15712) e Punta Cabalo (501685, 4786500) (-8º 58.843, 43º 13.759).
-Ría de Camariñas: entre Punta Villueira (484455, 4774595) (-9º 11.553, 43º 07.317) e Punta Chorente (483970, 4772595) (-9º 11.907, 43º 06.236).
-Ría de Corcubión: entre Punta Bardullas (478930, 4750305) (-9º 15.573, 42º 54.185) e Punta da Nasa (483050, 4751765) (-9º 12.548, 42º 54.980); e entre Cabo Cee (485160, 4751730) (-9º 10.996, 42º 54.964) e Punta Galera (487110, 4751185) (-9º 09.562, 42º 54.672).
-Ría de Muros e Noia: entre Punta Reburdiño (496200, 4735510) (-9º 02.875 42º 46.208) e Illa de Santa Catalina (498865, 4736975) (-9º 00.920, 42º 47.001) e entre esta última e Punta Refins do Cons (504080, 4734240) (-8º 57.095, 42º 45.522).
-Ría de Arousa: entre Punta Cabío (506695, 4715175) (-8º 55.191, 42º 35.220) e Punta Barbafeita (509005, 4713185) (-8º 53.504, 42º 34.143) e entre Punta Castelo (510450, 4708385) (-8º 52.453, 42º 31.548) e Cabeza do Mouro (509000, 4704750) (-8º 53.515, 42º 29.585).
-Ría de Pontevedra: entre Punta Santa Marina (519515, 4693680) (-8º 45.861, 42º 23.592) e Punta Chirleu (521800, 4691850) (-8º 44.199, 42º 22.600).
-Ría de Aldán: entre Punta Preguntoiro ou do Bon (514685, 4684840) (-8º 49.395, 42º 18.822) e Punta Chirleu (513505, 4682320) (-8º 50.258 42º 17.461).
-Ría de Vigo: entre Punta Rodeira (519450, 4678640) (-8º 45.938, 42º 15.465) e a punta sur do peirao Pesqueiro do Porto de Vigo (521770, 4676070) (-8º 44.265, 42º, 14.037).
-Ría de Baiona: entre Punta Lamela (512495, 4667370) (-8º 51.012, 42º 09.384) e Punta do Boi (512335, 4664225) (-8º 51.132, 42º 07.684).
2. Na provincia de Lugo: a menos de 250 metros das illas Coelleiras, Farallóns e Ansarón.
3. Na provincia da Coruña: a menos de 250 m do illote dos Aguillóns, illas Sisargas, Lobeiras e As Basoñas.